domingo, 24 de agosto de 2008

As insuperábeis contradicións entre o libre comercio e os imperativos ecolóxicos.

...por Manoel Santos

Conferencia de Bernard Cassen, ex-director xeral de Le Monde Diplomatique, na Fábrica de Oleiros, dentro do evento Revela, o 10 de xullo de 2008.

Bernard Cassen, que foi director xeral de Le Monde Diplomatique até marzo deste ano e considerado, xunto a Chico Whitaker e Oded Grajew, un dos pais do Foro Social Mundial así como inventor da frase “outro mundo é posíbel”, encheu o xoves día 10 a terceira edición de Revela, unha excelente iniciativa do Concello de Oleiros (A Coruña-Galiza) que impulsa o encontro entre a realidade social e a cidadanía por medio da fotografía. Pura acción local.

Cassen falou das insuperábeis contradicións entre o libre comercio e os imperativos ecolóxicos, ou o que é o mesmo, da súa firme crenza de que é imposíbel salvar o planeta e a humanidade co mundo manexado polas insaciábeis poutas do libre mercado. O fundador e membro do Comité Científico de Attac, que agora, xunto a Ignacio Ramonet está ligado á organización Memoria das Loitas, considerou unha incongruencia e un acto de cinismo que na recente xuntanza do G8 en Hokkaido (Xapón) os autoproclamados amos do mundo, un exclusivo club de países ricos que xogan a gobernar á humanidade enteira, falaran na mesma xuntanza de reducir as emisión de gases con efecto invernadoiro un 50 por cento –para 2050!, cando eles xa non estarán– e de propiciar unha meirande apertura do comercio mundial a través da OMC. Do mesmo xeito, criticou a irresponsábel actitude da Comisión Europea, que ao seu xuízo é imposíbel que se erixa como abandeirada da superación das crises enerxética e climática e á vez pretenda que os mercados sexan “máis libres”. Para estas instancias as dúas cousas poden vivir xuntas. Para Bernard Cassen non.

O parisino preguntouse tamén porque tanta insistencia na potenciación do libre comercio en Europa e porque no Tratado de Lisboa, segundo el imposto ditatorialmente pola Comisión malia que moitos –como recoñeceu o propio presidente irlandés– nin sequera leron os textos, cando se fala de “liberdades fundamentais” só se fai referencia a catro: liberdade na circulación de capitais, liberdade na circulación de bens, liberdade na circulación de servizos e liberdade na circulación de persoas, aínda que esta última de xeito relativo. Quen está disposto a morrer por estes ideais?, ironizou Cassen á vez que afirmaba que os dereitos sociais non poden depender do libre comercio.

“O libre comercio desarma o poder político, os fluxos de capitais pasan por riba da cabeza dos dirixentes como queren”, dixo. Como exemplo fixo referencia ao TLCAN, o tratado de libre comercio entre Canadá, Estados Unidos e México, segundo o cal se os Estados fan lexislacións que eviten os investimentos –destrutores– das empresas, estas poden reclamar indemnizacións non polo que perden, senón polo que deixan de gañar. “Esta liberdade de investimentos é unha aberración para os pobos do planeta e a UE é un perfecto exemplo disto, pois o libre comercio debilita extremadamente a capacidade de decisións dos cidadáns”.

“Nos últimos 20 anos o PIB mundial medrou un 50 por cento e na mesma época, o volume do comercio de bens medrou un 170 por cento. Non hai correlación. Hai moito máis comercio que produción e isto é insustentábel. Non se pode concordar cun sistema no que o comercio fáise entre países que producen as mesmas cousas –o comercio intraeuropeo representa case o 80 por cento do total en Europa–, é absurdo”, continuou. O resultado disto é un gasto incríbel en transporte e un dano irreparábel ao planeta. Un abuso irracional da enerxía, na que o transporte representa un gasto do 26 por cento. Segundo Cassen a porcentaxe do prezo do transporte no prezo final dos produtos só é dun 2 por cento, pero isto nunca inclúe os custes ecolóxicos. Iso non se calcula, porque se non todos eses produtos que van dun país a outro serían moitísimo máis caros. “Eu espero que o barril de cru suba a 300 ou a 500 dólares para que baixemos da nube, non se pode seguir así”, afirmou. O transporte é unha das causas que máis emisión de gases con efecto invernadoiro produce e a dependencia é meirande aínda en Xapón e Europa, pois en Estados Unidos, ao ter 6.000 quilómetros entre costa e costa, o transporte ferroviario está máis desenvolvido.

Bernard Cassen fixo tamén referencia ao campo agrícola, denunciando que a Comisión Europea está pregada aos intereses de Monsanto na expansión dos transxénicos malia que, por exemplo, o 80 por cento dos franceses non os aceptan. “A Comisión di que tampouco se pode atentar contra o libre comercio dos transxénicos. Non se pode manter un sistema no que hai países que consumen o que non producen e outros que producen o que non consumen. Isto é malo para o planeta e extermina aos pequenos labregos, cando está demostrado que as pequenas explotacións agroecolóxicas consumen 80 veces menos enerxía que a agricultura produtivista”, dixo. No fondo da cuestión está a débeda, que é a razón principal do impulso que se lle está a dar ás grandes explotacións agroindustriais especialmente no Sur, cando todos sabemos que esa débeda, moitas veces ilegal e ilexítima, xa se pagou sete veces. “Os monocultivos de soia ou palma responden a unha destrución programada do Amazonas”, concluíu o francés.

Do mesmo xeito cargou contra os agrocombustíbeis facendo referencia a un informe do Banco Mundial “que curiosamente desapareceu ao pouco de saír á luz” e que afirmaba que os agrocombustíbeis eran os responsábeis do 75 por cento do incremento nos prezos dos alimentos. “Segundo moitos científicos tendo en conta o transporte, os gastos de produción, etc. os agrocombustíbeis xeran máis emisións aínda que os combustíbeis fósiles”.

O papel da Unión Europea

Cassen dedicou unha boa parte da súa exposición a criticar a actitude da UE, da que dixo que fai cousiñas “un 5-10 por cento branco, como a rede Natura 2000, e un 90-95 por cento negro, porque os fundamentos da Comisión Europea son favorábeis ao libre comercio e contrarias ao ecolóxico”.

Entre as políticas hostís á ecoloxía da UE citou a Política Agraria Común (PAC) que favorece á agricultura produtivista, pois o 20 por cento das empresas levan o 80 por cento das subvencións. “Prímase a contaminación e o gasto esaxerado como no caso do millo, que precisa cantidades xigantescas de auga. Hai que suprimir os subsidios ao millo”. Cassen tamén se referiu á agroecoloxía afirmando que a UE non está a favor desa opción. Para explicalo fixo referencia a unha recente directiva que fala de permitir a competencia entre os dous modelos de agricultura e do bo funcionamento do mercado interior, cousa totalmente absurda.

Tamén falou da política irracional en materia de transporte da UE, que investirá entre 400 e 500 mil millóns de euros até 2020 en aumentar a rede de autoestradas, aeroportos e alta velocidade, cando por exemplo en Francia están a pechar as liñas de camiños de ferro entre pequenas localidades, un servizo esencial á poboación que se debería potenciar.

Para rematar, Cassen denunciou as prácticas da Mesa Europea de Industriais (ERT), un poderoso lobby formado por presidentes de empresas que moitas veces redacta directamente os textos que aproba a Comisión e acusou aos Estados de cargar nos individuos a responsabilidade de coidar do planeta: “o neoliberalismo bótanos a culpa individualmente do desastre, dicindo que debemos ser responsábeis nos nosos comportamentos cotiás, pero por moito que fagamos cada un de nós non serve para nada, deben ser grandes decisións en altas instancias as que actúen para resolver o mastodóntico problema ambiental que temos enriba”.

E remataba, “Non hai unha Europa ecolóxica como non pode haber unha Europa social, pois un aparello construído para edificar o libre comercio é imposíbel que mire por estas importantes cuestións. Na miña opinión é mellor que non toquen os dereitos sociais, porque cada vez que o fan é para peor, como xa vimos coa directiva das 65 horas, a directiva de retorno ou a anulación da norma que prohibía o traballo nocturno da muller en Francia”. “O noso modelo de desenvolvemento non se pode exportar a todo o mundo. Temos que cambialo”.

Foro Social Mundial

Cabe resaltar a resposta de Bernard Cassen a unha pregunta do público interesándose sobre os foros sociais, pois este ano Galiza terá a súa primeira edición. Para Cassen, que segundo dixo viu nacer no seu despacho de Le Monde Diplomatique o Foro Social Mundial (FSM), hai que seguir cos foros sociais, son moi importantes para crear conciencia global, pero probabelmente, e sempre segundo a súa opinión, haberá que redefinilos. “O que acontece nalgúns gobernos de América Latina penso que obriga a replantexarnos os foros. Se hai gobernos progresistas que levan á práctica moitas das reclamacións que os movementos sociais fan nos foros, non deberíamos plantexarnos a relación que temos coa política?”. Neste punto o membro de Attac informou de que estas cuestións están a crear un debate moi intenso e interesante no Consello Internacional do FSM, no que hai correntes que queren seguir como até agora, sen permitir a participación de organizacións partidarias, e outros que falan xa de postaltermundialismo, que estaría composto por movementos sociais, partidos políticos e gobernos progresistas.

Venezuela

Cassen rematou a súa intervención acusando a xornais supostamente progresistas como Libération, Le Monde e especialmente El País de practicar terrorismo informativo contra gobernos como o de Hugo Chávez, mesmo con máis virulencia que medios venezolanos como El Nacional e El Universal. “O que fan non é xornalismo, é outra cousa”, denunciou.

altermundo.org

0 comentarios: